XUSTIFICACIÓN DO PROXECTO "MENS SANA IN CORPORE SANO" E DA CAMPAÑA "CÓIDATE, CÓIDANOS, A SAÚDE UNHA GRAN RESPONSABILIDADE"

 Durante este curso 20/21 no CEIP Plurilingüe de Outes vimos de desenvolver un proxecto de investigación titulado “Mens sana in corpore sano”. O proxecto nace co obxectivo de contribuír ao entendemento das nenas e nenos desta situación pandémica. Situación que o noso alumnado comezara a vivir no confinamento e que de maneira irremediable ía condicionar a vida no centro durante todo o curso escolar.

O traballo de investigación organizouse en torno a seis eixos temáticos, todos eles relacionados coa saúde, que se repartiron nos distintos niveis educativos, e que foron:

  • Saúde física
  • Saúde mental e adición ás pantallas
  • Hábitos saudables
  • Alimentación
  • Situación actual: Pandemia COVID-19
  • Enfoque histórico:Pandemia Gripe Española 1918

Ademais da investigación levada a cabo nas aulas destaca a elaboración de numerosos produtos comúns ao longo do proxecto entre os que destacan o estudo da vulneración do dereito á saúde, ou a investigación para o desmentido de bulos no ámbito da saúde. Ademais dunha entrevista a Sonia Villapol, investigadora galega membro do equipo internacional de investigación sobre a COVID-19.


Unha vez rematada a fase de investigación o alumnado deseñou unha campaña  titulada “CÓIDATE, CÓIDANOS. A saúde unha gran responsabilidade” co obxectivo de compartir coa Comunidade as súas aprendizaxes e, ao mesmo tempo, de concienciar sobre a importancia de manter hábitos saudables.


Os produtos elaborados para esta campaña son: videos expositivos que recollen a información de cada liña de traballo, e que poden visionarse no blog da biblioteca do centro. E carteis e spots de concienciación sobre os distintos campos traballados e que forman parte desta exposición. Todo o material está recollido ademais na web da campaña coidatecoidanosoutes.blogspot.com


A fase de difusión desta campaña comezou coa Semana da Saúde, do 7 ao 11 de xuño, na que o obxectivo era compartir os produtos elaborados de xeito interno cos compañeiros e compañeiras e fomentar a reflexión sobre os distintos aspectos abordados nas aulas e a nivel familiar.


Por outro lado, montouse unha exposición da campaña na Casa da Cultura de Outes,  inaugurada o 12 deste mes, onde ademais dos produtos da campaña se poden visionar algúns traballos elaborados ao longo do propio proxecto. 

Contamos ademais nesta exposición cun punto solidario no que se recollerán fondos para a ONG Médicos do Mundo que se dedicarán a compra de medicamentos para persoas en risco de exclusión. 


A colaboración con Médicos do mundo  xurde durante a fase de investigación do proxecto no que recibimos o seu apoio como persoas expertas no estudo da vulneración ao dereito á saúde, aos determinantes de saúde e a posta en práctica de hábitos saudables.   

Ademais fíxose un reparto de carteis en máis de 100 establecementos comerciais do Concello de Outes, carteis que levan asociados un código QR que permitirá visionar toda a información ás persoas que así o desexen. Paralelamente, deuselle difusión a todo o material resultante deste proxecto nas redes do noso centro. 


A presentación da campaña “COIDATE, COIDANOS. A saúde unha gran responsabilidade” tivo lugar o día 14 de xuño na Casa da Cultura de Outes. Os nenos e nenas representantes do Consello da Infancia foron @s encargad@s de conducir o acto no que se fixo unha pequena descrición de todo o proceso levado a cabo e se proxectaron os spots da campaña.


A este acto acudiron á Xefa Territorial de Sanidade da Coruña, Concello de Outes, Anpa Rio Tines, Asociación Terras de Outes, IES Poeta Añon, Cruz Vermella de Noia. Ademais, da Presidenta e Coordinadora de Médicos do Mundo, participantes desta campaña. Estas organizacións foron seleccionadas polo alumnado por estar relacionadas co ámbito da saúde ou ser receptoras directas da campaña. 


A nivel educativo son numerosos os contidos curriculares de todas as áreas abordados ao longo de todo o proxecto. Dende os máis conceptuais relacionados coa incorporación de hábitos saudables, funcionamento do corpo humano, tratamento estadístico de datos, enfoque histórico… a outros relacionados co proceso, que favorecen este tipo de prácticas, e que teñen que ver coa aprendizaxe no tratamento da información, a competencia para aprender a aprender, a alfabetización mediática. Ademais, o feito de que a campaña sexa unha xenuína campaña de concienciación ou a colaboración co fin solidario relacionase coa aprendizaxe-servizo, que busca formar cidadáns comprometidos coa convivencia da súa contorna.




Comentarios

Entradas populares